UN GUIRI POLA RIBEIRA SACRA
AGalega fixo un documental sobre a zona da Ribeira Sacra na que tamén visita a Casa Museo do Chocolate.
O protagonista, un actor británico afincado en Galicia que visita a Ribeira Sacra, descubre lugares e secretos desta zonas; entre elas A CASA MUSEO DO CHOCOLATE de Teimende.
O vídeo empeza no minuto 15:42
O Casa Museo do Chocolate volveu ás aulas. Esta vez foi da man de Laura Iglesias Polo, que fixo un traballo explicando as orixes da fábrica de chocolate “Caldelas”, da familia Casares e a sua posterior conversión en Casa Museo, despois de que as herdeiras de Ricardo Casares, último chocolateiro da saga familiar, e propietarias da casa e a maquinaria, cederan o conxunto ó concello de Parada de Sil. Tanto o contido como a exposición valéronlle á autora a mellor calificación. Así que parabens para Laura¡
A escritora Raquel Piñeiro inclúe a Casa Museo do Chocolate de Teimende e á
familia Casares na novela “Albania”, a súa ópera prima
A carballiñesa Raquel Piñeiro, afincada
dende hai anos en Zaragoza, acaba de publicar a súa primeira novela, titulada “Albania”,
que se atopa en fase de promoción e que está obtendo unha excepcional acollida
entre os lectores. Trátase da ópera prima da autora, que aproveitou a trama
narrativa para facer incursións en mundos distintos e distantes, que van dende
a menesterosa Albania de finais do século XX, ao mar Adriático ou a O
Carballiño, lugar de berce da escritora. Ese orixinal mundo de ficción acolle
tamén a Casa Museo do Chocolate de Teimende e a parte da familia Casares,
herdeira de Ricardo Casares e depositaria dunha actividade que marcou á saga
durante máis dun século no corazón da Ribeira Sacra. Curiosamente, a familia
Casares e o propio espazo museístico son alleos á sua presenza no escenario do
fío argumental de “Albania”, froito do traballo de documentación da narradora e
as suas vivencias. Finalmente, a casualidade, permitiu que Raquel Piñeiro
poidese coñecer ás fillas do último chocolateiro de Teimende poidesen coñecerse
e manter un grato e froitífero encontro, ampliando ideas e conceptos e
explicando a orixe de cuestións que colmaron a inquedanza e curiosidade da
novelista e que quedou inmortalizado para a pequena historia do Museo.
Unha pequena historia da fábrica e un recordo ao noso pai.
Empeza no minuto 38 máis ou menos e remata no minuto 42.
"Hai que engadir valor ó patrimonio que é de noso", reitera Paco Magide, o mellor alcalde que pasou polo concello de Parada de Sil. Antes, foron os traballos arqueolóxicos da necrópole de San Vitor; axiña veu a vella fábrica da luz, transformándoa nun restaurante e albergue, mentres se construía unha pasarela de madeira de varios kilómetros á beira do canón do Mao. Agora, tocoulle á fábrica de chocolate de Teimende: chocolates exquisitos que recomendaba como menciña don Guillerme, o médico titular de Parada de Sil. Francisco Casares figura como tallista e mais escultor no censo de Ensenada de 1756. E disque partira de Cantabria cara Parada de Sil co encargo de tallar o retablo barroco do mosteiro de Santa Cristina, tomando casa e lareira en Fondodevila. Casimiro Casares, neto do escultor, foi concelleiro.
A fábrica parece que xurdiu nos finais do século XIX. Os promotores foron dous irmáns: Pedro (1865) e mais Antonio Casares, netos de Casimiro, o concelleiro. Logo, pasou a un herdeiro, Arturo, continuando a empresa familiar con Ricardo (1922), o fillo maior que se fixo cargo do negocio, sendo aínda un rapaz, por estar o seu pai afectado por unha doenza invalidante, sacando adiante non só á fabrica, senón ós pais e tamén ós irmáns pequenos, podendo afirmar que foi o pai dos seus pais. Xa casado con Lola Prieto, agora viúva, polos anos cincuenta e pico, renovou as instalacións, dotándoas coa maquinaria que requirían os tempos, contando xa coa electricidade da nova fábrica de luz do Mao: unha das primeiras da provincia. As fillas de Arturo e de Lola, Loli e mais Rosa, deixaron o fogar para estudar fóra, porén nas vacacións axudaban nas tarefas da elaboración do chocolate, gardando daquela etapa unhas doces lembranzas. Logo, veu a competencia das multinacionais coa incorporación de sucedáneos do cacao, elaborando un chocolate máis ruín, pero máis barato: entón, nin a maquinaria da fábrica era a idónea para traballar cos sucedáneos da manteiga de cacao, nin Ricardo, o Chocolateiro de Teimende, era capaz de ofrecer ós seus clientes gato por lebre, así que a fábrica de chocolate, de esmerada elaboración con cacao puro parou nos finais dos oitenta, coincidindo o seu peche coa xubilación da persoa que máis traballara por ela.
A familia Casares está moi ilusionada coa iniciativa da Alcaldía de Parada de Sil de transformar a súa vella fábrica na "Casa do Chocolate", aportando un grao de area á posta en valor do patrimonio do concello, ademáis de honrar a memoria dos devanceiros que tan duro traballaron para saíren adiante coa industria artesanal do chocolate.
Eduardo Prieto Casares.
Profesor, natural de Sacardebois (Parada de Sil)
https://contosdaribeirasacra.blogspot.com/search?q=O+CHOCOLATEIRO
No hay comentarios:
Publicar un comentario