Quen somos

A nosa infancia é sabor e arrecendo a chocolate. Con eles nacemos e medramos arredor da fábrica dos Chocolates Caldelas, en Teimende, no concello de Parada de Sil, que se xuntaban co doce do mel que elaboraban as abellas do colmear que coidaban os nosos pais.
Dende moi nenas participamos na fabricación do chocolate. A nosa labor consistía, básicamente, en pesar a masa do chocolate, aplastala nos moldes, metelos logo co chocolate no refrixerador, empapelar as tabletas e embalalas en caixas de cartón para a súa distribución e venda.
No periodo das vacacións escolares acompañábamos ó noso pai no reparto da mercancía nunha histórica DKV, que nos mataba de calor no verán e na que arrepiábamos de frío no inverno, sin que unha circunstancia nin a outra interferiran para nada a sensación de felicidade que nos producía sentirnos importantes grazas ó protagonismo que nos daba o noso pai. Así recorríamos boa parte da provincia de Ourense e o sur da de Lugo, visitando tendas de ultramarinos, tabernas, comercios e casas particulares, nas que os propietarios nos agasallaban con refrescos e outras lambetadas. O que máis nos gustaba era a Mirinda de laranxa, os Chupa Chups, caramelos e as galletas. Nesas andainas coñecemos moitas aldeas coas súas xentes, rapazas e rapaces cos que xogábamos, ás veces apenas uns momentos, instantes fuxidíos que perduran na memoria como fotos fixas dos nosos primeiros anos.
Esta vida singular distinguíanos dos outros nenos e nenas da nosa aldea. O tempo pasou, fomos facéndonos maiores e a actividade do chocolate pechouse a mediados na década dos oitenta, coa xubilación do noso pai, coincidente no tempo coa masiva incorporación de sucedáneos e a conseguinte baixada de prezos, que fixeron imposible a competencia dos artesáns que só elaboraban chocolate puro a partir de materias primas tradicionais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario